04 Abr Hostalaria.gal destaca a coincidencia que existe no sector ao analizar a situación que ameaza a empresas e empregos
A directiva de Hostalaria.gal, a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Santiago e Comarcas, realiza unha valoración positiva da xornada de peche levada a cabo, onde se puido comprobar que todo o sector coincide ao destacar os problemas que afectan ao futuro de miles de negocios e postos de traballo. Despois das duras consecuencias que tiveron as restricións impostas nos dous últimos anos de pandemia, a hostalaría atópase cun novo atranco na suba desproporcionada e inxustificada dos custos da enerxía, o combustible e algunhas das materias primas esenciais. Esta alza debe repercutirse no prezo final dos produtos que se serven ao público, o que á súa vez conleva unha caída do consumo e o aumento das perdas.
Desde Hostalaria.gal faise, unha vez máis, un chamamento ás administracións para que poñan fin a unha escalada de prezos que está levando a unha situación límite ao sector, que se está vendo abocado á falta de solvencia debido ao disparatado aumento dos custos das subministracións. En caso contrario, o peche de hoxe non será máis que o punto de partida dun longo camiño de protestas.