© Copyright 2021. Todos los derechos reservados MrWolfango
HOSTALARIA.GAL COLABORA NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE FORMACIÓN DE COCIÑA TRADICIONAL CON PRETO DUNHA VINTENA DE PARTICIPANTES
1166
post-template-default,single,single-post,postid-1166,single-format-standard,bridge-core-3.0.1,qode-page-transition-enabled,ajax_fade,page_not_loaded,,qode_grid_1300,side_area_uncovered_from_content,footer_responsive_adv,qode-content-sidebar-responsive,qode-theme-ver-28.5,qode-theme-bridge,qode_header_in_grid,wpb-js-composer js-comp-ver-6.7.0,vc_responsive
 

HOSTALARIA.GAL COLABORA NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE FORMACIÓN DE COCIÑA TRADICIONAL CON PRETO DUNHA VINTENA DE PARTICIPANTES

HOSTALARIA.GAL COLABORA NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE FORMACIÓN DE COCIÑA TRADICIONAL CON PRETO DUNHA VINTENA DE PARTICIPANTES

A actividade, promovida polo Concello de Santiago, desenvolveuse no Centro Superior de Hostalaría entre o 1 e o 18 de xullo

Os alumnos do curso e o cociñeiro, André Arzúa, posan tras a entrega de diplomas por parte dos representantes da Axencia Local de Colocación, Turismo de Galicia e Hostalaria.gal.

A asociación de empresarios Hostalaria.gal estreouse nas actividades de eido formativo colaborando na organización dun curso de 50 horas de duración de cociña tradicional galega que se celebrou entre o 1 e o 18 de xullo nas instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

O curso, promovido pola Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago, foi impartido polo prestixioso cociñeiro André Arzúa e contou coa asistencia de preto dunha vintena de alumnos, algúns xa iniciados na materia e outros sen experiencia previa. Co obxectivo de sentar as bases da cociña de raíz e de adquirir coñecementos teóricos e prácticos que permitisen as máis variadas elaboracións, neste curso realizáronse numerosas receitas de fondos e caldos, tapas e petiscos, estufados e outras coccións lentas, pan, empanadas, doces galegos, arroces,  pastas, peixes e mariscos.

No acto de clausura, ao que asistiron representantes do Concello de Santiago e da Axencia de Turismo de Galicia, o presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, recordou que o sector está nun momento crítico debido a que, despois de dous anos nos que houbo graves dificultades para traballar, “moita xente tivo que buscar acomodo noutros ámbitos laborais, polo que vémonos na dificultade de encontrar profesionais”.

Lopes amosouse satisfeito cos resultados do curso “en función das metas que nos propuxemos” e animou aos alumnos a que continúen esta andadura, ben sexa a nivel privado, ben sexa formándose máis ou incluso desde o punto de vista profesional.

“Non teñades medo de acudir a ofertas de traballo por non ter moitos coñecementos. Os coñecementos adquírense, o que hai que ter é actitude. Non perdades de ir ou de entregar un currículo por falta diso. Se vos ven actitude, vanvos reclamar”, aconselloulles.

Por último, o presidente de Hostalaria.gal destacou a importancia do convenio asinado coa Axencia Local de Colocación, e de contar coa colaboración de Turismo de Galicia e cunha persoa “coa altura humana e profesional” de André Arzúa para impartir este curso.

Pola súa parte, André Arzúa fixo unha valoración “moi positiva” sobre o curso. “Os alumnos estiveron en todo momento receptivos. Quixeron aprender, coñecer o por que das cousas, e puideron comprobar como, coa boa materia prima que temos, se poden facer pratos moi interesantes”.

“Optar pola cociña tradicional foi todo un acerto ­-engadiu-. Non foi un curso normal, no que se vén a comer e a que pasen as horas. Amosaron moita intención de querer aprender. Quedei moi gratamente sorprendido. Foi moi agradable velos traballar, ata o punto de que vou botar de menos o curso”.



Este sitio web utiliza cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás dando o teu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies