19 Oct Hostalaria.gal esixe medidas efectivas ante a vaga de roubos que se está a producir en Noia e a súa comarca
A Asociación Empresarial Hostalaria.gal amosa a súa preocupación ante a prolongada e persistente sucesión de asaltos a establecementos do sector que se está producindo no concello de Noia e a súa comarca.
Desde o colectivo hostaleiro pídeselle tanto ás autoridades municipais como aos responsables dos corpos e forzas de seguridade que busquen unha solución inmediata a uns sucesos que están causando unha fonda intranquilidade nas empresas e os seus traballadores.
A hostalaría de Noia denuncia que se sente indefensa ante a inseguridade xerada por reiterados roubos desde hai xa meses, que ademais teñen unha repercusión moi negativa tanto en perdas como á hora de desempeñar con normalidade a actividade.
Ante as demandas realizadas polos nosos asociados na vila de Noia, Hostalaria.gal esixe que se reforce a seguridade de forma particular polas noites, que é cando se están a producir a maior cantidade dos asaltos aos establecementos.