19 Oct Hostalaria.gal recibe con satisfacción o reforzo en materia de seguridade do Concello de Noia para frear os roubos en establecementos
Unha representación da Asociación Empresarial Hostalaria.gal encabezada polo seu vicepresidente Sergio Fernández, que estivo acompañado por varios asociados e hostaleiros de Noia, foi recibida esta mañá polo alcalde, Santiago Freire Abeijón, o concelleiro de Cultura, Pepe Pérez, e o responsable da Policía Local nun encontro no que se analizou a vaga de roubos que están sufrindo os establecementos da vila e a comarca.
Desde Hostalaria.gal valórase a reunión como “positiva e frutífera”, xa que se atenderon “as nosas demandas de incrementar a vixilancia e a seguridade, sobre todo polas noites”, explicou Sergio Fernández. O colectivo de hostaleiros amosa o seu agradecemento polo esforzo que van realizar tanto o Concello como a Policía Local para levar a cabo ese incremento nas tarefas de control co obxectivo de frear os asaltos a locais. Desde o sector tamén ofreceron a súa colaboración de forma activa para rematar canto antes con esta problemática.