27 Feb HOSTALARIA.GAL HOMENAXEA A ROSALÍA DE CASTRO
No día do nacemento da nosa escritora nacional, os bares e restaurantes que pertencen á Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas ofreceron nas súas cartas o Caldo de Gloria. Os clientes tamén puideron desfrutar en forma de reconstituínte petisco deste prato consubstancial da gastronomía galega.
A Fundación Rosalía, en colaboración coa Asociación de Veciños Raigame e o Concello de Santiago, agasallou aos bares e restaurantes con manteis e “pousavasos” conmemorativos.
A iniciativa que se leva a cabo cada 23 de febreiro está inspirada no poema “Miña casiña, meu lar”, no que Rosalía explica como se elabora o caldo.
“Arrimei o pote ó lume
con auga para quentar.
Mentres escaravellaba
un ichavo de fertuna…
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar”.
Rosalía de Castro. Fragmento de “Miña casiña, meu lar” (Follas Novas, 1880).