08 Mar O GOBERNO MUNICIPAL ATENDE AS PROPOSTAS DE HOSTALARIA.GAL SOBRE O NOVO SISTEMA DE RECOLLIDA DO LIXO
A asociación empresarial Hostalaria.gal mantivo hoxe unha xuntanza para valorar o novo sistema de recollida do lixo na zona histórica de Santiago na que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e o xefe de servizo da empresa concesionaria da limpeza, Urbaser.
Cabe destacar que as propostas coas que Hostalaria.gal acudiu á reunión foron valoradas polo goberno municipal e acordouse a súa posta en práctica. Neste sentido, vanse crear áreas de aportación de emerxencia situadas en puntos estratéxicos da cidade como son a Travesa de Fonseca, Praza de Abastos ou Salvador Parga, entre outros.
Igualmente, o equipo técnico da Concellería de Medio Ambiente vai enviar unha proposta detallada de horarios de recollida, tanto para o porta a porta como para as mencionadas áreas de aportación de emerxencia, co que se atende a demanda desta asociación de que a recollida interfira o menos posible nos horarios de atención ao público.
Establecerase, como tamén solicitamos no documento que se achega, unha mesa de traballo estable co obxectivo de optimizar a implantación do novo modelo de recollida de residuos por fraccións.
As partes manterán unha nova reunión dentro de 14 días co obxectivo de ter o sistema o máis perfilado posible de cara ao aumento de actividade que se prevé para a Semana Santa.
DOCUMENTO DE TRABALLO PRESENTADO Á CONCELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE. 08/03/2023
- A Lei 7/2022 de 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular, establece a obrigatoriedade da separación de diferentes tipos de residuos.
- A demanda do sector, a través da Asociación Empresarial Hostalaria.gal é que o Concello de Santiago de Compostela, responsable da recollida de residuos, outorgue os medios necesarios e deseñe un sistema que facilite o cumprimento da lei coa complexidade da nosa actividade diaria.
- O modelo proposto polo Concello de Santiago, unha recollida separada de residuos porta a porta (PaP) por fraccións, é, segundo os estudos e modelos postos en práctica nalgunhas partes do Estado, o que mellores resultados acada, tanto no volume recollido como na calidade da separación dos propios residuos. Son exemplo cidades coma Bilbao, San Sebastián, Pamplona ou Barcelona, entre moitas outras. Actualmente, a tendencia xeral é prescindir de colectores en superficie, tanto por criterio estético como polas molestias que ocasionan. Cremos que ninguén quere retroceder no tempo e volver a aquelas rúas que amencían con restos de residuos difíciles de eliminar en moitos casos. É agradable para quen vivimos aquí e para quen nos visita que Santiago se mostre como unha cidade moderna e adaptada aos tempos.
Aínda así, temos a obriga de deseñar solucións intermedias que dean respostas á realidade dos actuais locais de hostalaría, para alcanzar o obxectivo dun maior volume e calidade de separación.
Debemos ser conscientes da dificultade de implantar un modelo novo de recollida de residuos .
Facemos un chamamento ao sector para que manteña os esforzos que estivo a facer na última semana, para mellorar a execución deste novo modelo. Demandamos da administración municipal campañas específicas de concienciación e formación dos equipos humanos que conforman o sector.
- O obxectivo deste novo modelo de recollida é alcanzar unha cota de separación de residuos equivalentes á que marcan as directivas europeas, converténdonos desta maneira nun País avanzado nesta materia, cuestión que cremos está fóra de toda discusión.
Temos que facer unha análise real do sector e poñer no centro do debate as dificultades intrínsecas que pode haber para alcanzar a meta.
Despois dunha semana da posta en marcha do novo sistema, de contrastar co sector o novo modelo e atendendo ao acordo mantido co goberno municipal de ir revisando o modelo, desde Hostalaria.gal propomos as seguintes cuestións.
- Propomos crear unha mesa de traballo estable coa representación do sector, tendo en conta que a actividade da hostalaría é significativa nesta cidade e ten unha cota alta de xeración de residuos.
O obxectivo desta mesa é facer un seguimento da implantación do plan, formar parte activa do seu deseño, trasladando os problemas reais e formando parte da toma de decisións en base a datos obxectivos de volume xerado e recollido en cada unha das fraccións e nas distintas épocas, tomando decisións cun criterio de eficiencia e eficacia.
- É necesario valorar a posibilidade de optimizar os recursos en función do volume de residuos xerados nalgunha das partes e incrementalos noutras, en concreto do orgánico e do vidro, que tanto por volume como por problema de almacenamento no tempo, son as dúas fraccións que máis dificultades plantexan.
- Creación de áreas de aportación de emerxencia baseadas en illas móbiles operativas só en franxas horarias de mínimo 2 horas en zonas estratéxicas ao rematar o servizo de comidas ao mediodía, que sirvan como recurso de alivio tanto para os residuos xerados ata ese momento como para aqueles estabelecementos, cada vez máis, que rematan a súa actividade co servizo de mediodía, nomeadamente de domingo a xoves. Estas áreas deberán ter carácter permanente e será revisada a súa existencia en función do volume recollido.
- Estabelecer uns horarios que non interfiran coa atención ao público. Non pode haber ningunha actividade de recollida antes de empezar ou rematar o servizo de comidas/ceas. Para isto débese atender ao seguinte:
- Nivel de actividade en función da tempada (verán-inverno) ou en función de diario (de domingo a mércores) ou de fin de semana (de xoves a sábado).
- Datas puntuais específicas de maior actividade (pontes, entroido, semana santa, Ascensión, Apóstolo, Nadal…).
- Diferenciación das distintas zonas en función da actividade de terrazas, que habitualmente é ata máis tarde que aquelas que non traballan os espazos exteriores.