15 Jun A HOSTALARÍA ANTE O RETO DA XESTIÓN AVANZADA DOS RESIDUOS
A segunda acción formativa da campaña “HOSTALARÍA COMPOSTELÁ SOSTIBLE”, promovida pola asociación empresarial Hostalaria.gal no marco do Plan de Sostibilidade Turística do Concello de Santiago, analizou a xestión de residuos desde a perspectiva do catedrático de Enxeñería Química na Universidade da Coruña e expresidente da asociación ecoloxista ADEGA, Manuel Soto Castiñeira.
Para centrar a situación da xestión de residuos en Galicia, o profesor achegou un dato revelador como balance de dúas décadas de aplicación efectiva do Plan Sogama, que aglutina a preto do 80% da poboación e, polo tanto, dos residuos xerados polos galegos. “Cos datos de 2020, que son os últimos contrastados polo Ministerio, a media sitúanos segundos pola cola en recollida separada e reciclaxe, só por diante de Melilla. Galicia queda moi lonxe de Cataluña, A Rioxa, Comunidade Valenciana, País Vasco ou Navarra, que son as que máis avanzan na xestión ecolóxica de residuos”, indicou.
A pesar das revisións do sistema de recollida reclamadas nas directivas da Unión Europea dos últimos anos, menos de 1 de cada 5 quilos de envases de plástico están sendo recollidos co actual sistema do contedor amarelo, indicou o catedrático Soto Castiñeira antes de analizar polo miúdo outros aspectos.
Ley de Residuos de 2022
O catedrático da Universidade da Coruña fixo referencia na súa intervención online desde a sede de Hostalaria.gal á Lei de residuos aprobada en xullo de 2022 pola que se limitan ou prohiben determinados plásticos dun só uso e que tamén obriga a unha recollida separada dos biorresiduos e das outras fraccións.
“Que cambia realmente en relación as leis anteriores? A incidencia da responsabilidade do cumprimento destes obxectivos, que pasan aos produtores e obriga á administración pública a facer inspeccións e establecer un réxime sancionador, con independencia de que os concellos presten ou non servizos e poñan ou non as vías para a solución. É un cambio significativo”, explicou.
Neste sentido, fixo unha advertencia: “Podemos pensar que as multas van tardar tempo, pero son importantes e van coller a máis dun por sorpresa”. Debe ser o medo á multa ou á inspección o que modifique a xestión de residuos?, preguntou. “Claramente non. Temos que avanzar en negocios sostibles ambiental e economicamente. Hai descoñecemento, acomodación, resistencia ao cambio e a afrontar a realidade, pero necesitamos ser conscientes de que a crise ecolóxica é real e de que hai que darlle resposta. Debemos reflexionar sobre o que estamos dispostos a facer”.
Residuos na hostalaría e o caso do papel
Aínda que se xera todo tipo de refugallos, hai estudos que estiman que o 70% dos restos que producen os establecementos de restauración son materia orgánica, fermentable, para os que ademais da recollida separada está máis indicado a compostaxe ou a dixestión anaerobia (microorganismos) para produción de biogás.
“Chamaría ademais a atención sobre a xestión de papel e cartón, particularmente da de envases e embalaxes”, incidiu Soto Castiñeira. “No caso galego é un exemplo flagrante porque apenas estamos en algo máis dun 20%, nen a metade da media estatal, cando a principal materia prima da industria papeleira é o papel recuperado”, criticou. “Tirando ese papel e cartón, que na maior parte dos casos acaba na incineración ou no vertedoiro, estamos a perder materias primas importantes, escasas hoxe en día, e tamén empregos necesarios”.
Solucións e casos de éxito.
Prevención, recollida porta a porta e compostaxe. Son as vías para avanzar. “Desde o punto de vista dun negocio de hostalaría fai falla unha formulación integral e no territorio”, engadiu ao tempo que poñía exemplos significativos. “Non se poden ter seis envases monodoses para condimentar unha ensalada. Cando o residuo non vai separado en destino faise por tamaño e un obxecto de menos de seis centímetros, en calquera planta de tratamento de residuos, considerase materia orgánica, polo que todos estes envases acaban contaminando o compost”.
Soto Castiñeira gabou exemplos de recollida separada e compostaxe que realizan restaurantes galegos como Culler de Pau e Fogar do Santiso ou incluso a do casco histórico de Allariz. E fóra de Galicia, explicou o sistema empregado pola cadea Garden Hotels de Mallorca, motor da compostaxe nas Illas Baleares a través da recollida separada e compostaxe dos residuos.
“A súa estratexia ten como piares o produto de quilómetro cero nos seus buffets; compost ecolóxico aproveitando o residuo de cociña e a poda para logo fertilizar os propios cultivos de proximidade que satisfarán unha parte significativa do que se consume neses hoteis e a redución do consumo de plástico dun só uso”.
O compost
“Non se debe pensar no residuo como problema, hai que empezar a consideralo como un recurso”, subliñou o catedrático da Universidade da Coruña na súa conferencia online.
“Hai que buscar unha formulación integral: non podemos pensar na agricultura ecolóxica se non temos fertilizante orgánico ecolóxico e a mellor fonte dese fertilizante van ser os restos de alimentos, mesmo restos agrícolas que quedan na propia explotación”, engadiu.
O seu prognóstico é que se acabará implantando a agrocompostaxe, que “é a simbiose entre o rural e o urbano, xa que trata de dar unha solución ao que se xera no urbano e que necesita volver ao rural, ese residuo orgánico recollido separadamente para a produción de compost”.
Recollida porta a porta
Para avanzar nesa vía, “a recollida porta a porta está dando resultados moi satisfactorios”, sinalou Manuel Soto. Este sistema ten distintas modalidades, aclarou, e chega para substituír a recollida en contedores anónimos de tal forma que a materia orgánica, polo seu carácter húmido, se recolle en cubos ou bolsas.
“Non hai camión compactador, non hai contedores e isto ofrece unha calidade moi superior (nos 200 concellos en que está implantado en Cataluña chegou ao 95%), que permite un compost de calidade e ecolóxico ou libre de contaminantes físicos e químicos”, explicou.
“Avanzar na recollida separada é imprescindible para Galicia. Animo ao sector da hostalaría a que se preocupe por unha xestión máis avanzada dos residuos e a que non se deixe amedrentar polas dificultades ou polo custo económico porque vai atopar moitas melloras”, concluíu Soto Castiñeira.