08 Ago A HOSTALARÍA VALORA A DISPOSICIÓN DO CONCELLO DE RIBEIRA A COLABORAR CO SECTOR

Esta martes, 8 de agosto, tivo lugar unha xuntanza entre representantes da Asociación de Hostelería de Ribeira e da Asociación Empresarial Hostalaria.gal con Luís Pérez, alcalde de Ribeira, e Genoveva Betanzos, concelleira de Promoción Económica, Emprego e Consumo.
Ambas entidades acaban de asinar un convenio de colaboración no que a hostalaría ribeirense forma parte de Hostalaria.gal, asociación con sede en Santiago de Compostela e de ámbito galego, unha estrutura máis ampla que transcende o eido local e ten presenza noutros foros onde se deciden os intereses do sector.
Na reunión analizaron o estado do sector hostaleiro na comarca, detectando as necesidades ou carencias así como as súas fortalezas e oportunidades. Expuxeron a delicada situación económica do sector, derivada da falta de liquidez que sofren a maior parte das empresas provocada pola crise inflacionista. Demandaron habilitar unha liña de axudas ao investimento en actuacións sostibles, que ao mesmo tempo vai propiciar un aforro económico nas empresas. Igualmente falaron da importancia de promover actuacións en materia de economía circular.
Por outra banda, os hostaleiros transmitiron ao alcalde a necesidade de realizar campañas de dinamización que incentiven o consumo e que contribúan á desestacionalización do sector, buscando potenciar o turismo con destino Ribeira, os produtos gastronómicos comarcais, a promoción do Camiño “A Orixe”, así como campañas de formación específicas de persoal que está en disposición de incorporarse ao mercado laboral a través do sector.